Información publicada no xornal electrónico
PRAZA PÚBLICA.COM
Manifestación estudantil a pasada semana en Compostela
CC BY-SA gzvideos.infoWert une a alumnos, pais, nais e profesorado en contra da súa reforma educativa
Redacción | @prazapublica
Pais, nais, estudantes, profesorado... protestan esta semana contra a nova reforma do ensino que o Partido Popular pretende levar a cabo e que conta con escaso apoio da comunidade educativa. Para acabar de empeorar a situación o ministro Wert botoulle gasolina a este lume coas súas declaracións sobre a necesidade de "españolizar" os nenos cataláns ou coas súas desaforadas críticas ás mobilizacións convocadas.
Porque esta vai ser unha semana de protestas no ensino. Os alumnos e alumnas xa comezaron este martes. O Sindicato de Estudantes convocou unha folga de 72 horas, de martes a xoves, que vén continuar as mobilizacións iniciadas a pasada semana. A folga terá as súas xornadas claves este mércores, cando están convocadas manifestacións que contan tamén do apoio da Liga Estudantil Galega e Galiza Nova. A Liga denuncia que "os gobernos galego e español seguen os ditados das políticas neoliberais e afogan día tras día a quen non creou esta crise, as clases populares, que ven reducidos de xeito sistemático os seus dereitos. E é a educación un dos eidos que os especuladores sinalaron para o seu total e progresivo desmantelamento". Por Galiza Nova Iria Aboi afirma que “esta non é só una mobilización contra os recortes do PP no ensino galego senón que tamén nos mobilizamos contra a reforma educativa prevista polo goberno Rajoy”, que cualificou de "aberración pedagóxica".
As manifestacións deste mércores comezarán ás doce do mediodía en Ferrol (Edificio da Xunta), A Coruña (Praza da Palloza), Santiago (Praza do Toural), Vigo (Praza América) e Lugo (Avenida Ramón Ferreiro). A Asemblea en defensa do Ensino Público da Barbanza convoca concentracións o mércores ás 19 horas en Ribeira (Praza do Concello) e Rianxo (IES Félix Muriel).
CONFAPA chama a "deixar baleiros todos os centros educativos para defender os dereitos dos nosos nenos e as nosas nenas"
O xoves serán os pais e nais os e as protagonistas. Despois de anos nos que o peso das mobilizacións polo ensino recaeu en estudantes e mestres, as familias asumen a súa parte de responsabilidade e as asociacións de pais e nais fixeron un chamamento a non levar os fillos e fillas á clase este dia. A iniciativa parte de CEAPA e foi ratificada polaCONFAPA (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos). A entidade considera que "a gravísima situación actual demanda unha resposta contundente do alumnado e as súas familias" e denuncia "un ataque sen precedentes aos dereitos do alumnado e das familias, con salvaxes recortes na educación pública". CONFAPA chama a "deixar baleiros todos os centros educativos para defender os dereitos dos nosos nenos e as nosas nenas".
As asociacións de pais e nais demanda "o cese fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo" e a retirada "inmediata" do "inaceptable" anteproxecto de reforma da LOE
As asociacións de pais e nais demanda "o cese fulminante do Ministro Wert e de todo o seu equipo" e a retirada "inmediata" do "inaceptable" anteproxecto de reforma da LOE. Tamén piden "a paralización inmediata de todas as medidas de recorte e desmantelamento do ensino público" e a "apertura, cun novo equipo ministerial, dun proceso real de diálogo cos diferentes sectores da Comunidade Educativa".
"Unha reforma ideolóxica"
A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia denuncia que o proxecto "supón un retroceso a un modelo escolar trasnoitado que promove a segregación social e nega o principio de igualdade de oportunidades no ensino obrigatorio"
Tamén se manifestou con rotundidade en contra da reforma do ensino a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia. Denuncia que o proxecto "supón un retroceso a un modelo escolar trasnoitado que promove a segregación social e nega o principio de igualdade de oportunidades no ensino obrigatorio". Eacúsao de non ser "unha reforma propiamente educativa senón ideolóxica, que pretende cambiar o actual paradigma e acabar con todos os avances acadados nos últimos trinta anos no ámbito educativo".
A Plataforma alerta de que o sistema educativo se transforma "nunha carreira de obstáculos para o alumnado que desde idades moi temperás comeza a ser etiquetado e clasificado sendo dirixido por itinerarios que teñen moi poucas ou case ningunha posibilidade de marcha atrás, o que vai a facilitar a expulsión do sistema educativo do alumnado mais desfavorecido e con mais dificultades". De igual xeito advirte de que a reforma constitúe "un gran retroceso histórico no desenvolvemento da Formación Profesional que xerará unha involución no proceso de recoñecemento social destas ensinanzas e, xa que logo, unha depreciación en todas as súas etapas".
Conclúe que "o mais estarrecedor" é o seu carácter "mercantilista e anti-educativo" que "antepón ás necesidades do mercado o feito de educar a cidadáns tratando ao alumnado como mera mercadoría"
O comunicado da Plataforma tamén cualifica a reforma de "sexista" ao dar "amparo legal aos concertos para os centros que segregan o alumnado por sexos a pesar das recentes sentenzas do Tribunal Supremo en sentido contrario". E alerta do seu carácter "privatizador" por abrir as portas aos concertos na Formación Profesional Básica e as ensinanzas postobrigatorias. Tamén se considera "centralizador" ao recortar "as competencias das comunidades autónomas, para evitar en palabras do propio ministro a aparición de contidos de carácter identitario". A Plataforma conclúe que "o mais estarrecedor" é o seu carácter "mercantilista e anti-educativo" que "antepón ás necesidades do mercado o feito de educar a cidadáns tratando ao alumnado como mera mercadoría".
En consecuencia pide que este anteproxecto de lei sexa sometido a un debate democrático "serio e rigoroso", que debe contar coa participación dos profesionais do ensino e de toda a comunidade educativa..
A reforma pretende "lexitimar con carácter estrutural unha política de recortes inicialmente conxuntural"
Nova Escola Galega vén de publicar un novo número do seu boletín NEG Opina, correspondente ao mes de outubro. Nel o colectivo faa unha análise moi completa sobre o anteproxecto da LOMCE (Lei orgánica para a mellor da calidade educativa).
NEG enmarca esta nova reforma educativa nun contexto sociopolítico "marcado desde o comezo da lexislatura por un ataque constante á educación pública na procura do seu desprestixio social, cuestionando a profesionalidade do profesorado, o grao de implicación das familias na educación dos seus fillos e fillas, incidindo no enfrontamento entre colectivos, ou achegando solucións alegais aos problemas que formula a drástica redución dalgunhas medidas de protección social (gratuidade dos libros de texto, bolsas de comedor etc)". Así mesmo denuncia que "baixo a coartada da crise, de maneira unilateral e sen a mínima negociación, coa dubidosa cobertura legal do decreto de medidas urxentes, se alteraron as condicións laborais e do exercicio da docencia para o conxunto do profesorado".
Dentro desta análise do contexto NEG tamén salienta "o aumento progresivo do financiamento público á rede privada" -un 30% nos últimos cinco anos, segundo datos achegados polo INE- e "a obrigada referencia ao proxecto orzamentario presentado para o 2013, confirmando que nos dous últimos anos as partidas para educación descenderon nun 31%". NEG conclúe que esta reforma pretende "lexitimar con carácter estrutural unha política de recortes inicialmente conxuntural". O colectivo denuncia que Wert e o goberno do Partido Popular "pretenden dar por sentado, para que así o acepte a opinión pública, que a educación é un “gasto” que cómpre reducir na presente conxuntura económica mediante un simple exercicio contable, e non un “investimento” irrenunciable".
NEG conclúe que esta reforma "dificilmente" logrará reducir o fracaso escolar e o abandono temperán
Para NEG "destaca poderosamente a formulación da medida da calidade do sistema: en función do “output” (resultados dos estudantes) e non do “input” (niveis de investimento, número de profesores, de centros etc)". En opinión de Nova Escola Galega isto "sitúa no punto de mira exclusivamente os resultados dos estudantes e promove pola vía das sucesivas avaliacións a clasificación dos centros educativos, obrigados a competir nun heteroxéneo e desigual marco de condicións".
NEG conclúe que esta reforma "dificilmente" logrará reducir o fracaso escolar e o abandono temperán. E engade: "se acaso rebaixarán as estatísticas ao reconduciren algúns “efectivos” cara á formación profesional básica e reducirán a porcentaxe de alumnado que acceda a estudos universitarios. Acentuaranse as diferenzas entre centros, e non precisamente pola relevancia dos seus proxectos innovadores, senón por vermos sancionadas con esta lei estratexias de captación".
NEG cre que "a segregación temperá supón a renuncia do sistema á procura de fórmulas que permitan a consecución de obxectivos para o conxunto do alumnado nunha etapa obrigatoria"
A seguir o informe debulla punto por punto a reforma educativa. En canto á anticipación da escolla dos itinerarios, NEG cre que "a segregación temperá supón a renuncia do sistema á procura de fórmulas que permitan a consecución de obxectivos para o conxunto do alumnado nunha etapa obrigatoria".
En canto á implantación de probas de avaliación en 3º e en 6º cursos de Primaria (EP), en 3º e 4º da ESO e en 2º de Bacharelato, considera que "se pretende aguilloar o esforzo dos estudantes e dos centros por acadar e reflectir mellores resultados sobre aspectos moi parciais da educación". O informe denuncia tamén a desaparición do bacharelato de artes escénicas ou de materias coma Educación para a Cidadanía, Ética e Ciencias para o mundo contemporáneo.
A reforma apunta "a un reforzamento do modelo xerencialista e empresarial" nos centros
NEG critica igualmente "a perda de peso, tanto do profesorado no seu conxunto como dos órganos colexiados do centro, claustro e consello escolar -convidado de pedra ao quedar relegado a funcións puramente consultivas-" que apunta "a un reforzamento do modelo xerencialista e empresarial" nos centros. Denuncian tamén que relega a Formación Profesional á "unha vía de segunda categoría", despois de anos en que se estaba "logrando superar ese estigma".
No hay comentarios:
Publicar un comentario