VISITAS

domingo, 21 de mayo de 2017

REVÁLIDAS 2017

Rexeitamos as REVÁLIDAS 2017


A Xunta de Galiza ven de publicar, o pasado venres 5 de maio, as instrucións para o desenvolvemento da reválida de terceiro de primaria, a única que aínda permanece daquela ringleira de probas de eliminación que tiña que superar o noso estudantado ata chegar á universidade.
Estas probas, que se anuncian no DOG como unha avaliación para comprobar o grao de dominio en competencia en comunicación lingüística e matemática, continúan a ser a mesma pretendida avaliación que as familias galegas, encabezadas pola Confederación de Anpas Galegas, xa rexeitamos nos dous cursos precedentes cun abandono masivo das aulas nos días da súa celebración, o que tamén faremos nesta convocatoria, porque:
• Non existe unha finalidade diagnóstica cando se rexeita facer unha valoración seria en profundidade, que avalíe non só competencias senón tamén recursos, medios, metodoloxías aplicadas, obxectivos perseguidos, etc.
• Non hai ningunha valoración útil que se realice nun par de días, descontextualizando os resultados das realidades vividas durante un curso académico, cando que hai que estudar cal é a situación coa que se enfronta a comunidade educativa no día a día, cal é o grao de ocupación das aulas, cal é a provisonalidade do persoal docente e orientador, canto é o persoal de apoio, canto alumnado precisa de atención educativa específica, etc.
• Da experiencia de anos anteriores, só se coñece o incumprimento absoluto das consecuencias, as mesmas que o venres saíron novamente publicadas, por parte da Administración educativa, non houbo valoración de resultados nos consellos escolares, non houbo plans de corrección nas programacións xerais anuais, non houbo unha información personalizada ás familias por parte das titoras, non houbo nada do que xustificaba a celebración das probas. Entón, se a diagnose que se pode facer é incompleta, e aínda esa non se utiliza: para que continuamos dilapidando diñeiro público en facer unhas probas inútiles que estorban o normal desenvolvemento do curso escolar e poñen en situación de incomodidade a alumnado e profesorado?
As familias galegas estamos fartas de que se avalíe aos nosos fillos e fillas, xa se fai durante o curso académico por parte das súas titoras, que son quen as coñecen, non é precisa ningunha outra avaliación. Pero si podemos comprender que é necesaria unha avaliación do funcionamento da administración educativa, a que leva anos recortando medios e profesionais para a atención desas nenas e nenos ás que quere avaliar, a que este curso abandonou ao alumnado de 2º de bacharelato que aínda hoxe non ten claro como van ser as súas probas de acceso á universidade, a que confunde a autonomía dos centros escolares coa falta de apoio para o tratamento das problemáticas xerais, a que deixa sen recursos a toda a poboación con necesidades educativas especiais. Ese é o parámetro que hai que avaliar, non a un alumnado que abondo ten con aturar un ensino público mal planificado e peor organizado precisamente por parte de quen pretende avaliarnos.
Por riba, aínda queda algún resto das outras reválidas, as de sexto de primaria, cuarto da ESO ou 2º de bacharelato, que foron mudando de nome e de intención, e pasaron de ser “instrumentos imprescindíbeis” da modernización do sistema educativo, a ser probas mostrais nalgún centro educativo para proporcionar á administración educativa “unha información complementaria á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha maior calidade do ensino”; traducido: pasaron de ser totalmente necesarias a non servir para nada; o que nós dixemos dende o primeiro día e mantemos hoxe.
Esa é Administración educativa que temos no noso País: xente que é quen de defender unha cousa e a súa contraria segundo o que conveña electoralmente aos seus copartidarios do Goberno central; xente que leva anos xogando co estudantado galego utilizándoo á mantenta como material dun laboratorio externo a nós, que só serviu para entorpecer o seu desenvolvemento académico, e para desestabilizar a súa aprendizaxe nestes importantes anos do ensino obrigatorio.
Aínda ben é que as familias, agrupadas nas asociacións de nais e pais, e con nós toda a sociedade, a directamente implicada no Ensino Público e a que non o está pero o sente como propio, fomos quen nestes anos pasados de ir variando a deriva discriminatoria que a LOMCE impuxo ao noso Ensino, e ir apartando do futuro das nosas fillas e fillos todos os atrancos que aquela xente insolidaria quixo introducir para que o Ensino de todas pasara a ser o Ensino dunhas poucas, daquelas que tiñan os medios privados para superalos.
Moito avanzamos e moito conseguimos, mais nin moito menos todo o que pretendemos, porque a LOMCE continúa a estar aí, e con ela están os erros curriculares, as valoracións ideolóxicas, os itinerarios obrigatorios contaminados de sectarismo relixioso, o desprezo á nosa cultura e á nosa Lingua, a discriminación activa a aquelas ás que aparta do camiño maioritario, e unha ampla casuística de despropósitos que nos reafirma na nosa petición básica, na que agora tamén xa sumamos ao Consello Escolar do Estado: é unha norma que debe ser derrogada, canto antes, non hai outra opción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario